No recital deste martes, o baixo-barítono José Antonio López e o Cuarteto Novecento interpretarán composicións de Puccini, Mahler, Korngold, Finzi, Barber e Ravel.
Santiago, 28 de setembro de 2020.- O Ciclo de Lied, organizado polo Concello de Santiago coa dirección da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e co apoio da Deputación da Coruña, despide a súa vixésima primeira edición. Tras o concerto especial dedicado a Beethoven e o recital protagonizado polo tenor Gómez Ruíz xunto ao Trío Arbós, a cita de mañá martes ás 20.30 h. no Teatro Principal porá o ramo ao ciclo. O concerto leva por título o lema que serviu para bautizar o conxunto da programación deste ano: A beleza da melancolía. Na velada, na que se interpretará a Puccini, Mahler, Korngold, Finzi, Barber e Ravel, analizarase a representación da tristura e, tamén, a súa contemplación como elemento de inspiración que guiou as diferentes manifestacións artísticas nos séculos XIX e XX.
Así, grazas ás composicións da xornada visitaranse catro grandes núcleos de creación daquela altura: Estados Unidos, o Imperio Austrohúngaro, as Illas Británicas e Francia. O baixo-barítono José Antonio López porá a voz neste concerto. Trátase dun profesional á alza que, nos últimos tempos, colleitou éxitos cantando na Musikverein de Viena, no Bozar de Bruxelas ou nos seus debuts xunto a orquestras como a Cincinnati Symphony, a BBC Symphony ou BBC Philharmonic. Sobre o escenario, López estará acompañado polo Cuarteto Novecento, conformado por catro músicos de distintos recantos de Europa que se atoparon profesionalmente en Compostela: Ildikó Oltai, Irina Gruia, Ioana Ciobotaru e Thomas Piel. Todos eles son membros da Real Filharmonía de Galicia.
As entradas están xa a venda en www.compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado (e os días de evento) de 18 a 21.00 h.