O proxecto, coorganizado por Amigos da Ópera de Santiago xunto ao Concello de Santiago, contará con contos infantís de Manuel Lourenzo, Xoán Babarro, Ana Mª Fernández e Fina Casalderrey, quen igual que Ledicia Costas é Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil
A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela xunto ao Concello de Santiago e a Banda Municipal de Santiago organizan para este domingo, 20 de novembro, ás 12.00 horas, no Auditorio de Galicia o espectáculo Son de Contos. Trátase dun recital no que se combina a narración oral, a literatura infantil e a música. A partir de tres relatos, obra de escritoras e escritores galegos contemporáneos, outros tantos compositores do ámbito da musica culta elaboran cadansúa partitura nun exercicio de sensibilidades, confluencia e compenetración. A escritora Ledicia Costas encargarase de poñerlles voz aos relatos ao actuar de narradora, mentres que a Banda Municipal de Santiago baixo a dirección de Casiano Mouriño se encargará da música e o Orfeón Terra A Nosa interpretará os coros. O equipo artístico complétase coa soprano Clara Panas.
A primeira das pezas que se escoite o domingo no Auditorio de Galicia será A galiña, o lagarto e o burro. Trátase dun conto infantil de Manuel Lourenzo de 2009 cuxa partitura compuxo o pontevedrés Fernando Ruibal. A segunda obra será Un cesto cheo de misterios, escrito pola académica de número da Real Academia Galega e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Fina Casalderrey. A música desta peza corre a cargo do lituano Julius Andrejevas. Por último, o conto de 2012 asinado conxuntamente por Xoán Babarro e Ana María Fernández Os xigantes de nunca acabar, e musicado polo barcelonés Carlos M. Cambeiro,poralle o ramo a Son de Contos.
Son de contos, cuxas entradas son gratuítas e poden retirarse tanto no despacho de billetes da Zona C coma na plataforma dixital www.compostelacultura.gal, é unha idea orixinal de Vicente Couceiro Bueno e enmárcase na temporada 2022/2023 da Banda Municipal de Santiago.
Perfil Ledicia Costas
Ledicia Costas é unha das autoras máis recoñecidas e traducidas da literatura A súa primeira novela publicada foi Unha estrela no vento (Edicións Xerais, 2000). Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos coma o Premio Merlín de literatura infantil pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015 e entrou a formar parte da Lista de Honra do Ibby. Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria do 2015. No 2017 volve gañar ese mesmo premio coa novela A balada dos unicornios e no 2022 recibe novamente este galardón pola súa novela xuvenil A lebre mecánica. No ano 2019 publica Infamia e un ano despois recolle o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria. En 2021 consegue por segunda vez o Premio Merlín, nesta ocasión pola súa obra O neno de lume. En 2022 gaña o XX Premio de Poesía Afundación con Ultraluz