A mezzosoprano búlgara, Graziela Valceva Fierro na compaña do pianista Maciej, Pikulski e o actor Antonio Mourelos protagonizará este recital que dará comezo ás 20.30 horas e que se integra no Temporada de Abono 2022-2023 da Real Filharmonía-Auditorio de Galicia
O Ciclo de Lied, organizado polo Concello de Santiago coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, regresa mañá venres ao Auditorio de Galicia cun recital que se centrará no conxunto de cancións titulado A bela Magelone, de Johannes Brahms. O recital comezará ás 20.30 h. no Auditorio de Galicia e enmárcase dentro da Temporada de Abono da Real Filharmonía de Galicia – Auditorio de Galicia. As entradas pódense adquirir tamén a través da plataforma www.compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C ou no propio Auditorio de Galicia, o día da función dende unha hora antes do seu comezo.
O recital de mañá centrado en Brahms estará protagonizado pola voz da mezzosoprano búlgara Graciela Valceca Fierro, que contará co acompañamento do pianista Maciej Pikulski e do actor Antonio Mourelos. Nesta primeira sesión de lied, abordarase o que é o único ciclo de cancións composto por Brahms e que ten o seu sostén literario na obra A marabillosa historia de amor da fermosa Magelone e o conde Pedro de Provenza, publicada en 1797 por Ludwig Tieck. O concerto estará precedido cunha nova entrega de Conversando con…, que se celebrará ás 19.00 horas na Sala Mozart. O convidado desta volta será Luis Gago, musicólogo, crítico e divulgador musical.
Os Schumann, o día 27
A seguinte cita do Ciclo de Lied chegará o xoves 27 de outubro. Baixo o título de Poemas e cancións, o tenor Maximilian Schmitt e o pianista Gerold Huber darán conta de diferentes composicións do matrimonio conformado por dous grandes compositores: Robert e Clara Schumann. As entradas para este segundo recital pódense adquirir xa a través das canles xa amentadas: a web compostelacultura.gal, o despacho de billetes da Zona C (Praza de Cervantes, de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h) e no propio Auditorio, unha hora antes do concerto.