A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela constitúe unha entidade sen ánimo de lucro, que actúa en Santiago de Compostela e a súa área metropolitana. Os seus obxectivos son o cultivo e fomento da ópera e de todas aquelas actividades, incluídas as pedagóxicas, que poidan levar a unha expansión e a un maior coñecemento da mesma. En 2018, 2019 e 2020, celebráronse as tres primeiras edicións do Concurso de Canto “Compostela Lírica”, con gran éxito de participantes e unha acollida calorosa por parte do público.
O Concurso de Canto “Compostela Lírica”, dotado pola Fundación José Otero-Carmela Martínez, ten como destinatarios/as a mozos talentos do mundo da lírica. O seu obxectivo é proporcionarlles unha proxección profesional na etapa inicial das súas carreiras. A organización corre a cargo da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela.
O Concurso conta co patrocinio e a colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago de Compostela, e do Consello da Cultura Galega.