O certame outorgará un primeiro premio de 4000 euros, un segundo de 2000 e un terceiro de 1000 euros. As semifinais e a final celebraranse p venres 1 de decembro e o sábado 2 decembro no Auditorio de Galicia
Un total de 72 solistas de 18 países inscríbense no VI Concurso de Canto Compostela Lírica, certame organizado pola asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) coa colaboración e o patrocinio de institucións como o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Consello da Cultura Galega. O obxectivo deste concurso é fomentar as carreiras dos novos talentos do mundo lírico ao fortalecer a proxección das voces participantes. O concurso, aberto a cantantes de entre 18 e 35 anos, está dotado grazas á colaboración da Fundación José Otero-Carmela Martínez.
As voces que se inscribiron a esta sexta edición proceden de 18 países diferentes. Desde América Latina preséntanse cantantes de Chile, Paraguai, Arxentina, Venezuela, Colombia e México, mentras que da Unión Europa hai representantes de Italia, Francia, Polonia, Letonia e Irlanda, ademais de España. Fóra do espazo comunitario, concorren solistas de Reino Unido, Suiza, Rusia, Israel, Estados Unidos e China.
A organización do certame realizará unha criba previa para escoller as 20 persoas seleccionadas que competirán na semifinal presencial que se celebrará no Auditorio de Galicia de Santiago o próximo venres 1 de decembro, velada en que se escollerán as finalistas que competirán polos galardóns ao día seguinte. A selección farase grazas ao material facilitado por cada participante e as persoas que xa conten cun galardón en certames homologables pasarán directamente á semifinal.
Premios e xurado
O Concurso de Canto Compostela Lírica outorgará tres galardóns. O primeiro premio estará dotado con 4000 euros, unha actuación remunerada coa Real Filharmonía de Galicia, un recital remunerado no marco do Festival Les Musicales du Luberon e un rol na temporada da Ópera de Oviedo, ademais dun diploma acreditativo.
O segundo premio está dotado con 2.000 euros e recital remunerado en Santiago de Compostela, ademais do diploma acreditativo. O tercero, pola súa banda, virá acompañado dun diploma acreditativo e 1000 euros. Ademais, haebrá unha distinción, o Diploma Andrés Gaos, a maiores só para as voces galegas, que contará cun recital remunerado en Galicia. Neste apartado Andrés Gaos colabora o Consello da Cultura Galega. O xurado estará conformado por profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector lírico. Así, o crítico musical Arturo Reverter presidirá un tribunal integrado por Patrick Canac, presidente e fundador da asociación Les Musicales du Luberon; Aquiles Machado, director artístico da programación lírica da Coruña; Elisabete Matos, directora artística do Teatro São Carlos de Lisboa; Maciej Pikulski , pianista, e Victoria Stapells, crítica musical. Asistirá como secretario, sen voz nin voto, José María Miranda, membro da xunta directiva de ADOC.
Imaxe: Gañador da terceira edición do Concurso de Canto Compostela Lírica, Christian Gil-Borrelli