VI Concurso de Canto ‘Compostela Lírica’
A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela constitúe unha entidade sen ánimo de lucro, que actúa en Santiago de Compostela e na sua área metropolitana. As súas finalidades son o cultivo e fomento da ópera e de todas aquelas actividades, incluídas as pedagóxicas, que poidan levar a unha expansión e a un maior coñecemento da mesma. En 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022, celebráronse as cinco primeiras edicións do Concurso de Canto, con gran éxito de participantes e unha acollida calorosa por parte do público.
O VI Concurso de Canto “Compostela Lírica”, dotado pola Fundación José Otero-Carmela Martínez, terá como destinatarios/as a novos talentos do mundo da lírica. O seu obxectivo é fornecelos dunha proxección profesional na etapa inicial das súas carreiras. A organización corre a cargo da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. O Concurso conta co patrocinio e a colaboración da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago de Compostela e do Consello da Cultura Galega.