O concerto, de entrada gratuíta e libre até completar a capacidade, celebrarase este xoves ás 18.30 horas no Paraninfo da Universidade de Santiago
A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela ofrecerá mañá, xoves 6 de xullo, un concerto ao redor dos poemas de J.R.R. Tolkien no marco dos cursos de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No recital, que se celebrará no Paraninfo da USC (Facultade de Xeografía, Historia e Historia da Arte. Praza da Universidade, 1), interpretarase un ciclo de canciones titulado The Road goes ever on publicado por primeira vez en 1967 con música composta por Donald Swann e letra tomada de poemas que Tolkien escribiu para as diferentes obras que ambientou na chamada Terra Media, especialmente para a saga literaria d’O señor dos aneis.
As voces de Violeta Jaunez Rojas e Lili Cortés encargaranse de interpretar as cancións. Violeta Jaunez naceu en Chile en 1989. Iniciou a súa traxectoria dende moi nova no Coro Crecer Cantando del Teatro Municipal en Santiago de Chile e, posteriormente, iniciou os seus estudos profesionais de Canto Lírico no Conservatorio Profesional Cristóbal Morales de Sevilla. Pola súa banda, Lili Cortés, de 29 anos, introduciuse no canto lírico grazas á mestra Maribel Per. Na actualidade, é a cantante da banda de hard rock madrileña Black Heat Burn. As dúas cantantes estarán acompañadas polos pianistas Toni Pons e María Rey Carmona.
Este concerto enmárcase dentro do curso de verán da USC Tolkien. Un clásico dos nosos días, que está a desenvolverse esta semana dentro do programa Universidade de Verán de 2023. Este encontro, que se clausura o venres, reúne a diferentes voces expertas na figura poliédrica do autor británico, coñecido universalmente por crear o universo da Terra Media en obras tan destacadas como son O hobbit, O señor dos aneis ou O Silmarillion.