O certame outorgará un primeiro premio de 4000 euros, un segundo de 2000 e un terceiro de 1000 euros. O prazo de inscrición manterase aberto até o 15 de outubro
A asociación Amigos da Ópera de Santiago convoca a sexta edición do seu Concurso de Canto Compostela Lírica, certame que conta coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Consello da Cultura Galega. O obxectivo deste concurso é fomentar as carreiras dos novos talentos do mundo lírico ao fornecer a proxección das voces participantes. O concurso está dotado grazas á colaboración da Fundación José Otero-Carmela Martínez. As bases do concurso pódense consultar xa na páxina web da asociación nesta ligazón.
Poderán concorrer ao certame todas as voces solistas de calquera tesitura vocal cunha idade mínima de 18 anos e unha máxima de 35. Este requisito debe cumprirse a 1 de xaneiro de 2023. O prazo de inscrición comprende dende o pasado venres 15 de setembro até o próximo 15 de outubro. Para candidatarse cómpre achegar a Amigos da Ópera, a través do correo amigos@operacompostela.com , unha biografía en formato pdf, copia do DNI ou de pasaporte ao tratarse dun certame internacional, xustificante de pagamento da taxa de 20 euros de inscrición e link a unha gravación de vídeo dunha aria de ópera a elección de cada solicitante.
Con todas as inscricións recibidas, a Asociación realizará unha escolla de vinte participantes que accederán ás seminifinais e á final que se celebrarán no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela os días 1 e 2 de decembro.
Premios
O Concurso de Canto Compostela Lírica outorgará tres galardóns. O primeiro premio estará dotado con 4.000 euros, unha actuación remunerada pola Real Filharmonía de Galicia, un recital remunerado no marco do Festival Les Musicales du Luberon e un rol na temporada de Ópera de Oviedo.
O segundo premio está dotado con 2000 euros e recital remunerado en Santiago de Compostela. O terceiro, pola súa banda, será un diploma acreditativo e 1000 euros. Ademais, haberá unha distinción, o Diploma Andrés Gaos, a maiores só para as voces galegas, que irá acompañado por un recital remunerado en Galicia. Neste apartado Andrés Gaos colabora o Consello da Cultura Galega.