A solista colombiana Andrea Niño conseguiu o segundo premio, mentras que o serbio Milan Perišić se fixo co terceiro. Emilia Pérez recibiu o Premio Andrés Gaos á mellor voz galega do concurso
O V Concurso de Canto Compostela Lírica xa ten voces gañadoras. Tras a intervención dos oito cantantes finalistas que actuaron esta tarde na final do certame, o xurado decidiu concederlle o primeiro premio dotado con 4.000 euros e con tres actuacións remuneradas (coa Real Filharmonía de Galicia, a Ópera de Oviedo e o ciclo Les musicales du Luberon) a Carmen Buendía. O segundo premio, dotado con 2.000 euros e unha actuación remunerada, recaeu en Andrea Niño. O terceiro premio distinguiu a Milan Perišić, que levou como galardón 1.000 euros e un diploma acreditativo. Por último, o Premio Andrés Gaos, categoría a maiores que recoñece a voz galega máis destacada, foi para Emilia Pérez. Este último galardón consiste nun recital remunerada polo Consello da Cultura Galega, mentres que a dotación económica dos tres primeiros está financiada pola Fundación José Otero-Carmela Martínez.
O V Concurso de Canto Compostela Lírica, organizado por Amigos da Ópera de Santiago coa colaboración do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, contou neste 2022 con sesenta voces inscritas procedentes de 16 países diferentes. De todos/as os/as solistas que se presentaron, o xurado seleccionou 19 cantantes que ofreceron a súa actuación este fin de semana no Auditorio de Galicia. Na final, que estivo conducida pola presentadora e actriz Neves Rodríguez, asistiron a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; o secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez Xurxo, e dous patróns da Fundación José Otero-Carmela Martínez: Ignacio Bordoy e Alfredo Campos.
Perfís biográficos dos ganadores/as
Carmen Buendía nacida en Xaén (1993), comeza os seus estudos musicais á idade de nove anos. En 2013 continúa a súa formación superior no Conservatorio Rafael Orozco de Córdoba para finalizala no Conservatorio Luigi Cherubini de Florencia en 2020. Foi alumna de importantes academias como son o Maggio Musicale Fiorentino, a Accademia Rossiniana (Pesaro) e a Academia Belcanto Rodolfo Celletti (Martina Franca). Desde 2018 gañou varios premios en concursos internacionais entre os que destacan: Premio no Concurso de Juventudes Musicales de Madrid; Primeiro Premio no Concurso Internacional de Canto Cidade de Logroño; Primeiro Premio no Certame Novas Voces Cidade de Sevilla e primeiro Premio no IX Concurso Internacional de Canto Un Futuro DeArte. Interpretou diversos roles : Violetta (Traviata), Donna Elvira (Don Giovanni), Marcellina (Nozze di Figaro) ou Berta (Barbiere di Siviglia) en importantes Teatros Internacionales, destacando: Maggio Musicale Fiorentino, Teatro de La Fenice (Venecia) ou Rossini Opera Festival (Pesaro)

Andrea Niño é graduada do conservatorio da Universidade Nacional de Colombia. Proseguiu coa súa formación no Conservatorio do Liceu de Barcelona, o Centro de perfeccionamento de Plácido Domingo do Palau de les Arts Reina Sofía e na Academia del Teatro alla Scala. Gañou o primeiro lugar no Concurso de canto lírico Cidade de Bogotá (2017) da Orquestra Filarmónica de Bogotá; o Concurso Mirna Lacambra de Sabadell (2019), o premio do público do Concorso Lirico Internazionale di Portofno (2021); e o primeiro lugar do Concorso di canto lirico virtuale Fiorenza Cedolins (2021).

Milan Perišić (1992) gradouse en Composición (2015) na Academia de Arte de Novi Sad e obtivo a Maestría en Canto (2021) no Conservatorio de Música Giuseppe Tartini de Trieste. Obtivo o segundo premio no VI Concorso Internazionale di Canto Bellano Paese degli Artisti (2022), o terceiro premio no XXXVIII Concurso Internacional de Canto Cidade de Logroño (2021), o premio Jardí de l’Albarda no I Concurso Internacional de Canto de Alcalá de Henares (2022) e o premio Touring Club / Sicilia Classica Festival no X Concorso Fausto Ricci (2022). Está entre os cantantes seleccionados para a segunda edición do programa CRESCENDO para cantantes novos do Teatro Real de Madrid (2022).

Emilia Pérez nace no Carballiño en 1999, alí comezou os seus estudos musicais de canto. Terminounos posteriormente en Vigo, recibindo o Premio de Fin de Grao Profesional no 2019. Actualmente estuda o Grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Recentemente obtivo o terceiro premio no VII Concurso de Solistas do CSM Vigo e participou no taller de ópera deste conservatorio en coprodución coa ESAD de Galicia e o IES Audiovisual de Vigo onde interpretou a Susanna (“Il segreto di Susanna”, Wolf-Ferrari). Tamén foi gañadora das dúas últimas edicións do concurso Mirna Lacambra na ópera de Sabadell onde cantou, respectivamente, os roles de Berta (“Il barbiere di Siviglia”, Rossini) ou Donna Anna (“Don Giovanni”, Mozart).
O xurado
O xurado estivo formado por Partrick Canac, fundador de Les Musicales du Luberon; Joan Company, director do Coro da Universidade das Illas Baleares; Aquiles Machado, director artístico da Programación Lírica da Coruña; Maciej Pikulski, pianista; Victoria Stapells, crítica musical; Graziela Valceva Fierro, mezzosoprano e profesora de canto; Celestino Varela, director artístico da Ópera de Oviedo, e Arturo Reverter, crítico musical. Este último exerceu de presidente, mentres que José María Miranda, membro da Xunta Directiva de Amigos da Ópera de Santiago, actuou de secretario sen voz nin voto.