O Auditorio de Galicia acollerá o xoves 12 de xaneiro ‘A voz humana’, representación operística coa dirección artística e escénica de Rafael F. Villalobos.. No mesmo recinto representarase o sábado 14 a zarzuela galega ‘A lenda de Montelongo’, peza histórica en galego do compositor Bernardo del Río.
A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela iniciará a súa actividade para 2023 xa neste mesmo mes de xaneiro con dúas singulares propostas musicais que se desenvolverán no Auditorio de Galicia. A primeira delas chegará o xoves día 12 e estará encabezada polo célebre Rafael F. Villalobos, quen se encargará da dirección artística e escénica de A voz humana. Trátase dunha singular adaptación de Le Voix humaine, de Francis Poulenc. A versión proposta por Villalobos, que aposta polo pequeno formato e a beleza plástica, está protagonizada pola soprano dramática Nicola Beller Carbone, por Juan Pérez Floristán (un dos pianistas españois con máis proxección internacional que conta con galardóns tan prestixiosos como o Premio Rubinstein) e o actor Luis Tausía. O Auditorio de Galicia recibirá A voz humana o xoves 12 ás 20.30 horas. As entradas xa están á venda na plataforma www.compostelacultura.gal. A ópera irá precedida por unha nova sesión de Conversas con…, conducida por Luis Gago. Terá lugar ás 19.00 horas na Sala Mozart.
A seguinte cita da actividade de Amigos da Ópera de Santiago chegará o sábado desa mesma semana, día 14 de xaneiro, no mesmo Auditorio. O seu escenario reunirá a partir das 20.30 horas a Banda Municipal de Santiago de Compostela, o Coro Liceo de Vilagarcía e Cantigas e Agarimos, tres institucións que se xuntan nun espectáculo producido por Amigos da Ópera de Santiago: a zarzuela galega A lenda de Montelongo. A obra, dirixida por David Fiuza, contará tamén coa soprano Patricia Rodríguez, os barítonos Gabriel Alonso e Julio Cores, o actor Gonzalo Valcárcel e a actriz Chus Sánchez. A peza inclúese na Temporada 22/23 SONARTE: Xaneiro, o Teatro.
Vencello coas Irmandades da falaA lenda de Montelongo é unha peza estreada no Teatro Principal de Santiago no ano 1924. Trátase dun dos principais exemplos da chamada zarzuela galega, xénero que se consolida da man das Irmandades da Fala dado que nos principios fundacionais do movemento recollíase a necesidade de afianzar os trazos identitarios e a galeguización da sociedade. As características principais son o uso da nosa lingua neste xénero, a intención tanto de retratar como facer reflexionar sobre a realidade social da época e tamén o uso de diferentes disciplinas artísticas sobre escena: muiñeiras, coros, alalás, xotas ou cantares de cego, como o que abre precisamente A lenda de Montelongo. Non se debe confundir este xénero coa “zarzuela de costumes galegas”, que se cantaba en castelán e tiña a súa variedade artística moito máis limitada. O labor de recuperación do material deste xénero é froito da intensa actividade do musicólogo e investigador Javier Jurado, catedrático de Historia da Música no Conservatorio Superior de Música de Vigo,