A gañadora da cuarta edición do Concurso Canto de Compostela Lírica, Natalia Labourdette, participou na programación de Les Musicales de Luberon. Este recital forma parte dos diferentes concertos que implica o primeiro premio deste certame, organizado de forma anual por Amigos da Ópera de Santiago de Compostela coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e o Consello da Cultura Galega.
Natalia Labourdette, soprano, estudou violín na súa cidade natal (Madrid) e cantou na Universidade das Artes de Berlín. Foi galardoada nos concursos internacionais de Logroño, Riccardo Zandonai e Nuevas Voces de Sevilla. Debutou en 2016 como Oscar (Un ballo in maschera) nos teatros Dante Alighieri di Ravenna, Comunale di Ferrara e Municipale di Piacenza, onde tamén interpretou a Rosina (Il Barbiere di Siviglia) en 2017. Debutou en teatros coma o da Maestranza interpretando a Nannetta (Falstaff), Charlotte (Der Diktator), Bubikopf (Der Kaiser von Atlantis) e Despina (Così fan tutte). No Teatro Real, encarnou a Tebaldo (Don Carlo), a Corinna (Il viaggio a Reims) no UniTBerlin e a Lucia (Lucia di Lammermoor) con OperaGarage en Madrid.
As bases para o V Concurso de Canto Compostela Lírica xa están publicadas e o prazo de inscrición, aberto. As finais celebraranse o 2 e o 3 de decembro en Santiago. Máis información aquí.