O certame, que celebrará os días 11 e 12 de decembro no Auditorio de Galicia a fase eliminatoria e a final respectivamente, duplica a concorrencia da anterior edición
O IV Concurso Lírico, que entregará un primeiro premio de 4.000 euros e un segundo de 1.500 financiados pola Fundación José Otero-Carmela Martínez , conta co apoio da Secretaría Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e o Consello da Cultura Galega
Venres, 22 de Outubro.- A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e o Consello da Cultura Galega, convoca o IV Concurso de Canto Compostela Lírica tras o éxito de participación e público das tres primeiras edicións. Neste 2021, presentáronse 59 solistas procedentes de 17 países diferentes: España, Francia, Corea do Sur, Portugal, Arxentina, Brasil, Canadá, Irlanda, China, Venezuela, Colombia, Ucraína, Serbia, Reino Unido, Austria, México e Estados Unidos. De entre as persoas inscritas, un total de vinte pasarán ás fases finais que se celebrarán no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela os días 11 e 12 de decembro. Esta escolla preliminar será decidida por parte da Xunta Directiva de Amigos da Ópera de Santiago tras analizar o material achegado por cada inscrito/a.
Este ano, o certame outorgará un primeiro premio, dotado con 4.000 euros, con dous recitais remunerados (un coa Real Filharmonía e con outro no marco do Festival Les Musicales du Luberon). O segundo premio recibirá 1.500 euros e unha actuación remunerada en Santiago de Compostela. Ademais, as voces de orixe galega competirán por un galardón propio, consistente nunha actuación remunerada. A dotación dos galardóns está financiada grazas á inestimable colaboración da Fundación José Otero-Carmela Martínez.
O Auditorio de Galicia acollerá o sábado 11 de decembro a partir das 17.00 horas a primeira fase eliminatoria, na que cada participante interpretará un aria de ópera fronte a un xurado, conformado con nomes de recoñecido prestixio no mundo da ópera, que se encargará de escoller os finalistas que pasarán á segunda e definitiva fase do concurso. Esta final celebrarase no Auditorio de Galicia o domingo 12 de decembro a partir das 19.00 h., que será aberta ao público xeral (cumprindo as normas establecidas ao respecto da situación sanitaria que estea en vigor naquela altura) e que determinará os tres galardóns polos que se compite neste concurso. O xurado estará presidido polo crítico Arturo Reverter e conformado por D. Patrick Canac, Presidente e fundador da Asociación “Les Musicales du Luberon”; D. Joan Company Florit Director dos Coros da Orquesta Sinfónica de Galicia e da Universidade das Islas Baleares; o pianista Maciej Pikulski, a crítica Victoria Stapells, a mezzosoprano Graziela Valceva Fierro e Celestino Varela, director xeral da Ópera de Oviedo. Actuará de secretario sen voz nin voto José María Miranda, secretario da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.