A vintena de voces participantes foi seleccionada de entre as 59 persoas que se inscribiron neste 2021. O Auditorio de Galicia acolle a fase eliminatoria o sábado e a final será o domingo, dúas sesións gratuítas e abertas ao público
O IV Concurso Lírico, que entregará un primeiro premio de 4.000 euros e un segundo de 1.500 financiados pola Fundación José Otero-Carmela Martínez , conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e o Consello da Cultura Galega
Santiago, 10 de decembro.- A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e o Consello da Cultura Galega, convoca o IV Concurso de Canto Compostela Lírica tras o éxito de participación e público das tres primeiras edicións. Un total de vinte solistas competirán esta fin de semana no certame, que se celebrará no Auditorio de Galicia. O escenario da Sala Ángel Brage acollerá o sábado unha fase eliminatoria que determinará que voces actuarán o domingo na final. Ambas sesións serán gratuítas e abertas ao público, que xa pode retirar as invitacións tanto na Zona C-Punto de Atención Cultural coma na plataforma dixital www.compostelacultural.gal, e no despacho de billetes do propio Auditorio, dende hora e media antes do comezo de cada unha das sesións. “Neste 2021, o certame continúa a súa senda de consolidación e podemos destacar o gran nivel que atopamos entre as 20 voces seleccionadas. Hai participantes moi experimentados que actuaron xa en grandes prazas e en competicións de primeira orde”, explicou Jesús Couceiro, presidente da Asociación de Amigos da Ópera, nunha rolda de prensa para presentar o concurso na compaña da concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, e o deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas.
As 20 voces finalistas foron seleccionadas, tras analizar o material sonoro e audiovisual achegado por todos/as os/as participantes inscritos/as, polo xurado entre un total de 59 solistas precandidatos. Un traballo de escolla previa “tremendamente complexo”, en palabras de Couceiro. Na rolda, sinalouse tamén o carácter internacional de concurso, xa que polo Auditorio de Galicia pasarán cantantes de once nacionalidades diferentes: España, Colombia, Venezuela, Ucraína, China, Irlanda, Portugal, Serbia, Reino Unido, Brasil e Francia. Como gran novidade neste ano, contarase cunha presentadora de luxo: Mabel Rivera. A actriz encargarase de conducir a final do domingo.
Premios de 4.000 e 1.500 €
Este ano, o certame outorgará un primeiro premio, dotado con 4.000 euros e con tres recitais remunerados (un coa Real Filharmonía, outro no marco do Festival Les Musicales du Luberon e outro coa Orquestra de Oviedo). O segundo premio recibirá 1.500 euros e unha actuación remunerada en Santiago de Compostela. Ademais, as voces de orixe galega competirán por un galardón propio, consistente nunha actuación remunerada dentro da programación anual do Consello da Cultura Galega. A dotación dos galardóns está financiada grazas á inestimable colaboración da Fundación José Otero-Carmela Martínez.
O Auditorio de Galicia acollerá o sábado 11 de decembro a partir das 17.00 horas a primeira fase eliminatoria, na que cada participante interpretará un aria de ópera fronte ao xurado, conformado por persoas de recoñecido prestixio no mundo da ópera, que se encargará de escoller os finalistas que pasarán á segunda e definitiva fase do concurso. Esta final celebrarase no Auditorio de Galicia o domingo 12 de decembro a partir das 19.00 h. O xurado estará presidido polo crítico Arturo Reverter e conformado por Patrick Canac, presidente e fundador da Asociación “Les Musicales du Luberon”; Joan Company Florit, director dos Coros da Orquesta Sinfónica de Galicia; o pianista Maciej Pikulski, a crítica Victoria Stapells, a mezzosoprano Graziela Valceva Fierro e Celestino Varela, director xeral da Ópera de Oviedo. Actuará de secretario sen voz nin voto José María Miranda, secretario da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.
Listaxe de participantes
– Alejandra Acuña (Colombia)
– Burtsev Mykyta (Ucrania)
– Cristina Van Roy (España, Mallorca)
– Dong Yongheng (China)
– Inés López Fernández (España, Gijón)
– Kelli-Ann Masterson (Irlanda)
– Lara Rainho (Portugal)
– Milan Perisic (Serbia)
– Rosanna Cooper (Reino Unido)
– Patricia Llera (Venezuela)
– M Teresa Villena (España, Madrid)
– Yeraldín León (Colombia)
– Irene Zas Martínez (España, A Coruña)
– Filipa Portela (Portugal)
– Mar Morán (España, Badajoz)
– Matheus Pompeu (Brasil)
– Natalia Labourdette (España, Madrid)
– Luna Celemín (España, A Coruña)
– Laurine Martínez (Francia)
– Montserrat Seró (España, Lleida)