Presentación
A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela constitúe unha entidade sen ánimo de lucro, que actúa en Santiago de Compostela e no seu ámbito comarcal. Os seus fins son o cultivo e fomento da ópera e todas aquelas actividades, incluídas as pedagóxicas, que poidan conducir á expansión e coñecemento da mesma, con especial atención á difusión e promoción do xénero lírico entre a xuventude.
Para levalos a cabo, a Asociación organiza diversas actividades, como representacións de ópera, concertos, conferencias, cursos, exposicións, proxeccións e todas aquelas que poidan estar relacionadas cos fins da Asociación, incluíndo a promoción e cooperación en calquera actividade relacionada coa música e demais artes. Outorga especial relevancia aos cantantes líricos galegos nos seus primeiros anos a través da organización de concertos, cursos ou outras actividades formativas.
Xunta directiva
Presidente: Jesús A. Couceiro Bueno
Vicepresidenta: María del Carmen Segura Iglesias
Secretaria: Cecilia Mª Portela López
Tesoureiro: Antonio Couso Gómez
1º Vogal: José María Miranda Boto
2º Vogal: María Pardal Sánchez
3º Vogal: Ángela Peñalva Maqueda
Actividades pasadas
A Asociación fundouse no ano 2010, sendo o seu primeiro Presidente José López Calo, e iniciando as súas actividades no ano 2011. Entre o 15 e o 29 de xuño de 2011, celebrouse un ciclo de conferencias denominadas “Paixón e Poder na Ópera”, no que participaron como relatores José María Miranda Boto (Don Carlo), Carlos Villanueva (Tristan und Isolde) e Daniel Diz (Suor Angelica). Este ciclo desenvolveuse no salón de actos da Fundación Caixa Galicia na rúa do Vilar. O 29 de setembro o coñecido crítico musical Arturo Reverter disertou sobre a ópera “O Barbeiro de Sevilla” nas instalacións da Fundación Sargadelos. Entre o 26 de outubro e o 21 de novembro celebrouse o Ciclo de Conferencias “Ópera e Cine”, no que tomaron parte Ángel Luis Hueso (Ópera e cine), Silvia Alonso (Don Giovanni) e Javier Garbayo (Mozart en Turquía – O Rapto no Serrallo). Estas actividades tiveron lugar no Salón de Actos da Fundación Caixanova.
O día 24 de febreiro de 2012 a ADOC participou no “Fórum Cidade”, dentro do Fórum Gastronómico 2012, coa conferencia “Ópera e Gastronomía”, impartida no Hostal dos Reis Católicos. A citada conferencia, dado o éxito de público acadado, repetiuse o día 20 de abril, co patrocinio do organismo “Turismo de Santiago”. Entre o 28 de febreiro e o 2 de marzo do 2012 celebrouse unha “Semana Rossiniana”. O impacto nos medios de comunicación acadado por esta semana foi a mellor proba da relevancia que estaban acadando as actividades da ADOC. O 27 de abril celebrouse un concerto en homenaxe a José López Calo, primeiro presidente da Asociación. Este acto estivo copatrocinado pola Universidade de Santiago de Compostela e pola Fundación Araguaney, e contou coa presenza do Reitor da USC, o Alcalde de Santiago e o Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. O seu impacto nos medios de comunicación foi importante, publicándose na primeira páxina do xornal “El Correo Gallego”.
Durante o segundo semestre do 2012 desenvolvéronse os actos do “Outono Lírico”, que contou cun recital como acto central o día 8 de outubro. Este acto foi acompañado da promoción radiofónica a través das cadeas SER, COPE, Radio Voz, e Radio Obradoiro, reflectíndose tamén na prensa escrita. As restantes actividades do Outono Lírico consistiron na presentación do libro “Alma Mahler Gropius” a cargo da súa autora, Almudena de Maeztu; unha charla de Introdución ao Lied a cargo de Silvia Pujalte Piñán; e a proxección do Concerto de María Callas en París, todas elas desenvolvidas nas instalacións do Hotel Araguaney. O ciclo contou co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Fundación Araguaney.
No ano 2013, a ADOC patrocinou a “Gala de Reis” da Real Filharmonía de Galicia que tivo lugar o 5 de xaneiro, e que contou coa participación da soprano Beatriz Díaz, sendo un éxito de crítica e público. No mes de maio tivo lugar a “Semana Wagneriana”, conmemorando o 200 aniversario do nacemento do compositor. As actividades desenvolvidas consistiron nunha conferencia impartida por Miguel Ángel González Barrio o día 20 no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, a proxección na Fonoteca da Universidade da ópera “Sigfrido” e un recital a cargo da pianista francesa Anne Boëls, que contou no seu programa coas Transcricións e as Paráfrases de Liszt sobre as obras de Wagner, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela. A ADOC organizou tamén no mes de maio un recital de fin de curso dos conservatorios de Galicia no Teatro Principal de Santiago ao que concorreron os mellores alumnos e alumnas de canto dos nove conservatorios de Galicia.
No mes de outubro o protagonista foi Giuseppe Verdi, como conmemoración do segundo centenario do seu nacemento. As actividades incluíron unha conferencia a cargo de José Luís Pérez de Arteaga o día 25 de outubro e as “Transcricións e Paráfrases de Liszt” sobre obras de Verdi, a cargo de Severino Ortiz, ambas no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela; a proxección da serie “A vida de Verdi” no Hotel Araguaney e unha charla sobre “Verdi doutro xeito”, na que se abordaron obras de Verdi retraballadas por outros compositores, como Johann Strauss. Complementáronse estas actividades cunha “cea lírica” na Nave de Vidán. O mes de decembro albergou a “Semana Britten”, co galo do centenario do nacemento do compositor británico. Iniciouse o luns 16 coa proxección na fonoteca da “Morte en Venecia” de Visconti; o martes 17, da “Morte en Venecia” de Britten; e o mércores 18, cun té lírico coa presenza de Paul Daniel, Director da RFG.
Ao longo do ano 2013 tiveron lugar un ciclo de conferencias no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela e outro de proxeccións na fonoteca universitaria; sesións pedagóxicas en centros de educación infantil e primaria e en colexios maiores, ademais o 16 de abril o secretario da Asociación participou nas Nerd Nites da USC cunha charla sobre os tópicos da ópera.
En 2014, as actividades centráronse nunha “Semana da Ópera” en maio, arredor do día Europeo da Ópera. Esta semana realizouse cun notable éxito nas datas programadas. Tras a presentación levada a cabo no Hotel Araguaney coa presenza do Alcalde de Santiago e do Secretario Xeral de Cultura, o programa de actividades foi difundido amplamente polos medios de comunicación e a través das redes sociais. O luns 5 de maio tivo lugar a conferencia de Joan Matabosch, Director do Teatro Real de Madrid, no Ateneo de Santiago, con numeroso público. O martes 6 de maio celebrouse o concerto “Drama in musica”. O Paraninfo encheuse en tres cuartas partes da súa capacidade, conseguíndose un nivel artístico excelente. A prestixiosa revista Ritmo, no seu número 876, incluíu unha recensión da actividade. O mércores 7 de maio a profesora Isabel Espín Alba impartiu a súa conferencia sobre “Dereitos de Autor e Ópera”, coa presenza de reputados profesionais do mundo xurídico e musical compostelán. O xoves 8 de maio o secretario da Asociación desprazouse ao CEIP A Maía de Bertamiráns para dar, a convite do centro, unha charla sobre ópera aos alumnos de 4º curso de Primaria.
Pola tarde, proxectouse “La Bohème” nas Cancelas, dobrándose a asistencia habitual ao cine en acontecementos similares. O sábado 10 de maio, Día Europeo da Ópera, tivo lugar, por último, o recital de María Ruiz. Asistiron 144 persoas, número moi apreciable para a media de asistentes a actividades similares en Santiago de Compostela.
Xa en 2015, o día 24 de febreiro, dentro do “Ciclo de achegamento á lírica”, organizado pola A.D.O.C. na Universidade de Santiago de Compostela, o director da Banda municipal de Música, Juan Miguel Romero Llopis impartiu unha charla sobre dito xénero lírico. A A.D.O.C., en colaboración coa referida Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, organizou o recital “Voces de Zarzuela”, que tivo lugar o día 1 de marzo de 2015, no Teatro Principal, coa actuación da soprano Marta Matheu e o barítono Lluis Sintes. O día 24 de abril, por invitación da Escola municipal de Música de Ames, o secretario da asociación, José María Miranda Boto, impartiu unha charla aos nenos sobre o mundo da ópera. “O Maio Lírico”, que supón unha tradición para a asociación, contou o día 4 de maio coa conferencia do crítico musical e escritor Carmelo Di Genaro, titulada “A Ópera en Tempos de Crise”, que tivo lugar no salón de actos da Fundación Caixa Galicia, na rúa do Vilar de Santiago de Compostela. O 5 de maio, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, tivo lugar o concerto do grupo “Ars Atlántica” que nos introduciu nas Baladas do Gran Canal, coa intervención do tenor Fernando Guimaraes, Sara Ruíz na viola de gamba, Joana Amorím no traverso, e Manuel Vilas na arpa doppia e dirección. O día 8 de maio, tamén no Paraninfo da Universidade, retransmitiuse en directo desde o Teatro Real de Madrid, a ópera “La Traviata”. O 9 de maio tivo lugar o recital do “Día Europeo da Ópera”, con actuación de Ana Nebot, soprano, Marina Rodríguez-Cusí, mezzosoprano y Ludmila Orlova ao piano, que interpretaron pezas de Monteverdi, Haendel, Mozart, Bellini, Offenbach, Saint Saëns, Bizet e Delibes. A “III Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia” tivo lugar o 13 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela, coa participación de estudantes dos diversos Conservatorios de Galicia, resultando premiada no apartado de ópera, Rosana Domínguez Rey, no de zarzuela, Rebeca Lemos González e co premio do público, Nuria Leiro González. O 20 de maio o crítico musical Arturo Reverter, acompañado de Victoria Stappels realizaron unha audición comentada sobre a figura de Katheleen Ferrier nas instalacións do Hotel Araguaney (Santiago de Compostela).
Na praza da Quintana, o 19 de xullo, coa colaboración da A.D.O.C, a Banda Municial de Música de Santiago e o Coro Liceo de Vilagarcía, celebrouse un concerto para Coros Antolóxicos de Zarzuela, coa participación da solista de castañolas Margarita Guerra. O 16 de outubro, na Nave de Vidán, Manuel Vilas impartiu unha conferencia sobre “Ópera e cine”, coa proxección en pantalla das películas comentadas. O 21 de decembro celebrouse unha Gala de Nadal no Hotel Araguaney coa actuación da Asociación Lírica “Encantados”. Finalmente, o día 22 de decembro, celebrouse no Auditorio de Galicia a “Gala lírica de Ópera e Zarzuela” coa participación da “Orquesta e Coro Gaos” dirixidos por Fernando Briones e coa colaboración de Margarita Guerra ás castañolas, na que a soprano Mariola Cantarero e o barítono Borja Quiza puxeron en pé ao público asistente. Esta gala tivo unha grande repercusión mediática. Foi presentada en rolda de prensa no Concello de Santiago coa concelleira de Acción Cultural Blanca Novoneyra e informouse desta tanto na prensa (El Correo Gallego, La Voz de Galicia) como en medios especializados no mundo da ópera (Revista Ópera actual) e na radio (entrevistas na Cadea Ser, Radio Obradoiro, Onda Cero) e na televisión.