Lucas López, Marcelo Solís, Laura Brasó, Zhang Shuai, Ainhoa López de Munain, Alejandro López, Paulina Bielarcyz e Celia Cuéllar actuarán mañá como finalistas no Auditorio de Galicia a partir das 20.30 horas nunha sesión aberta ao público e presentada pola actriz Mabel Rivera
O VI Concurso de Canto Compostela Lírica xa ten finalistas. Oito cantantes foron seleccionados esta tarde polo xurado deste certame de entre os máis de 20 participantes que actuaron durante a fase eliminatoria no Auditorio de Galicia. Os finalistas son o barítono Lucas López (Vigo), o barítono Marcelo Solís (Málaga), a soprano Laura Brasó (Barcelona), a soprano Ainhoa López de Munain (Vitoria), o baixo Alejandro López (México), o baixo Zhan Shuai (China), a soprano Paulina Bielarczyk (Polonia) e a soprano Celia Cuéllar (Palma de Mallorca).
A final deste certame, organizada pola Asociación Amigos de la Ópera de Santiago coa colaboración de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña ou a Fundación José Otero-Carmela Martínez, celebrarase mañá sábado, 2 de decembro, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia. A actriz Mabel Rivera conducirá a final, na que cada cantante interpretará dúas composicións diferentes acompañados polos pianistas Rubén Sánchez Vieco e Borja Mariño.
Premios e xurado
Amigos da Ópera de Santiago repartirá 7000 euros entre as voces gañadoras nuns galardóns que virán acompañados con diplomas acreditativos e con varios recitais remunerados. Deste xeito, o primeiro premio está dotado con 4000 euros, cunha actuación coa Real Filharmonía de Galicia, cun recital no marco do Festival Les Musicales du Luberon e cun rol de temporada na Ópera de Oviedo. O segundo galardón constará de 2000 euros e unha actuación remunerada en Santiago de Compostela, mentres que o terceiro disporá de 1000 euros. Por último, as tres voces galegas que participarán esta fin de semana no concurso competirán por unha distinción a maiores: o Diploma Andrés Gaos, que inclúe unha actuación remunerada no marco das actividades do Consello da Cultura Galega.
O xurado responsable de decidir este palmarés está formado polas seguintes voces autorizadas: Patrick Canac, presidente e fundador de Les Musicales du Luberon; Elisabete Matos, directora artística do Teatro São Carlos de Lisboa; Maciej Pikulski, pianista; Victoria Stapells, crítica musical; Graziela Valceva Fierro, mezzosoprano e profesora de canto; Celestino Varela, director artístico da Ópera de Oviedo, e Arturo Reverter, crítico musical encargado de presidir o xurado. Actuará como secretario, sen voz nin voto, José María Miranda Boto, membro da Xunta Directiva de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela.