O certame, que celebrará os días 2 e 3 de decembro no Auditorio de Galicia a fase eliminatoria e a final respectivamente, manteñen a concorrencia da anterior edición na que se inscribiron 59 persoas. O V Concurso Lírico, que entregará un primeiro premio de 4.000 euros, un segundo de 2.000 e un terceiro de 1.000 financiados pola Fundación José Otero-Carmela Martínez, conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e do Consello da Cultura Galega
A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e o Consello da Cultura Galega, convoca o V Concurso de Canto Compostela Lírica tras o éxito de participación e público das catro primeiras edición. Neste 2022, presentáronse 60 solistas procedentes de 16 países diferentes: España, Portugal, México, Serbia, Reino Unido, Paraguai, Francia, Israel, Corea, Italia, EEUU, Polonia, Colombia, Rusia, Eslovaquia e China. De entre as persoas inscritas, un total de vinte pasarán ás fases finais que se celebrarán no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela os días 2 e 3 de decembro. Esta selección preliminar será decidida por parte da Xunta Directiva de Amigos da Ópera de Santiago tras analizar o material achegado por cada inscrito/a.
Este ano, o certame outorgará un primeiro premio dotado con 4.000 euros e con tres recitais remunerados (un coa Real Filharmonía, outro no marco do Festival Les Musicales du Luberon e un rol na temporada da Ópera de Oviedo). O segundo premio consistirá en 2.000 euros e nunha actuación remunerada en Santiago de Compostela. Por primeira vez, entregarase un terceiro premio. Este galardón estará dotado con 1.000 euros e un diploma acreditativo. Ademais, as voces de orixe galega competirán tamén nunha categoría propia, o Premio Andrés Gaos, consistente nunha actuación remunerada e patrocinada polo Consello da Cultura Galega. A dotación dos tres galardóns principais está financiada pola Fundación José Otero-Carmela Martínez.
O Auditorio de Galicia acollerá o venres 2 de decembro a partir das 17.00 horas a primeira fase eliminatoria, na que cada participante interpretará un aria de ópera fronte a un xurado, conformado con nomes de recoñecido prestixio no mundo da ópera, que se encargará de escoller os finalistas que pasarán á segunda e definitiva fase do concurso. Esta fase final celebrarase no Auditorio de Galicia o sábado 3 de decembro a partir das 19.00 h, será aberta ao público Xeral e determinará os catro galardóns polos que se compite.