Amigos de la Ópera de Santiago organiza en colaboración coa libraría Couceiro a presentación, que terá lugar na Biblioteca Pública Ánxel Casal ás 19.00 h. Dadas as circunstancias sanitarias, o acceso estará limitada a quince persoas, mais poderase seguir por ‘streaming’
Santiago, 2 de decembro de 2020.- A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago organiza mañá, xoves 3 de decembro ás 19.00 h na Biblioteca Ánxel Casal e en colaboración coa Libraría Couceiro, a presentación de Beethoven, un retrato vienés, obra dos críticos musicais Arturo Reverter e Victoria Stapells. A obra, editada por Tirant lo Blanch neste 2020 que se celebra o 250º aniversario do compositor alemán, convida o lector a realizar unha proveitosa viaxe pola Viena de comezos do século XIX, cidade epicentro da Europa daquela altura. Alí, na capital austríaca, viviu Beethoven os seus últimos trinta anos de vida. Neste título, os autores analizan unha serie de aspectos culturais no seu máis amplo espectro, unindo as circunstancias históricas da época coas peripecias vitais do músico, achegándolles así unha perspectiva de profundidade as súas composicións. Deste xeito, técese un retrato dunha época, dunha música e dun creador absolutamente revolucionarios. Por cuestións sanitarias, as prazas estarán limitadas a quince persoas, pero poderase seguir o evento por ‘streaming’ a través desta ligazón: https://www.youtube.com/channel/UCBAXKgnoIQO8eGNq-sGIgHg
Arturo Reverter é crítico musical. Nacido en Compostela en 1941, é un reputado estudoso e experto en materia das artes vocais. Exerceu a crítica e a divulgación musical en cabeceiras como ABC, La Razón ou El Mundo, ademais de participar en programas de TVE, Tele5 ou Radio 2 de RNE, emisora da que foi director entre 1982 e 1986, ademais de encabezala de novo ao longo de 1990. Pola súa banda, Victoria Stapells é antropóloga, empresaria e crítica operística. Malia ter nacido en Canadá en 1954, instalouse en Sevilla hai máis de corenta anos. Estudou música e antropoloxía en Ottawa, chegou a España para investigar no Arquivo de Indias e rematou realizando a súa tesina sobre os corsarios españois do século XVIII. Exerce a crítica en revistas internacionais.