A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, en colaboración coa Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e o Consello da Cultura Galega, convoca o V Concurso de Canto Compostela Lírica. As bases deste 2022 traen novidades no apartado dos galardóns, xa que o certame pasa de outorgar dous a tres premios, ademais do Diploma Andrés Gaos polo que competirán a maiores as voces de orixe galega. Deste xeito, o V Concurso de Canto Compostela Lírica concederá un primeiro galardón consistente en 4.000 euros e tres actuacións remuneradas: unha coa Real Filharmonía de Galicia, outra no marco do Festival Les Musicales du Luberon e unha terceira cun papel na temporada da Ópera de Oviedo.
O segundo galardón consistirá en 2.000 euros -increméntase 500 euros en comparanza coa edición anterior- e un recital remunerado en Santiago de Compostela. O terceiro galardón, a novidade deste ano, contará con 1.000 euros de dotación económica e un diploma acreditativo. Por último, o Premio Andrés Gaos, patrocinado polo Consello da Cultura Galega, incluirá un recital remunerado.
Este é o quinto ano consecutivo en que se convoca este galardón, que na edición anterior contou coa inscrición de 59 participantes de 20 nacionalidades diferentes e que gañou a cantante Natalia Labourdette, que se uniu á listaxe de anteriores vencedores: o galego Christian Gil, a ucraína Olga Syniakova e a romanesa Alexandra Tarniceriu.
Apoio da Fundación José Otero-Carmela Martínez
A dotación dos tres primeiros premios está financiada grazas á inestimable colaboración da Fundación José Otero-Carmela Martínez, que un ano máis se implica neste certame de Amigos da Ópera de Santiago. O prazo de inscrición estará aberto dende este luns 26 de setembro até o 26 de outubro e as bases do certame pódense consultar na nova páxina web de Amigos da Ópera: www.operacompostela.com .
Poderá concorrer ao V Concurso de Canto Compostela Lírica calquera voz solista de calquera textura sonora, pero exclusivamente centrada no xénero da ópera. As persoas participantes terán unha idade mínima de 18 anos e unha máxima de 35, requisito que debe cumprirse a día 1 de xaneiro de 2022. Cada interesado deberá achegar para inscribirse, a través do correo amigos@operacompostela.com, a súa biografía en formato PDF, fotocopia do seu DNI ou pasaporte, unha ligazón a unha gravación de vídeo no que se interprete un aria de ópera e o xustificante de ingreso da taxa de inscrición, que ascende a 20 euros. Entre todos os concorrentes, a Xunta Directiva de Amigos da Ópera de Santiago escollerá a través da valoración do material achegado os participantes que pasarán a fase presencial eliminatoria. Todo solista que conte e poida acreditar un primeiro premio noutro certame de canto, accederá directamente á fase presencial eliminatoria. O total de participantes seleccionados/as por ambas as dúas vías non será superior a 20.
O Auditorio de Galicia acollerá o sábado 4 de decembro a partir das 17.00 horas a primeira fase eliminatoria, que será aberta ao público, na que cada participante interpretará un aria de ópera fronte a un xurado, conformado con nomes de recoñecido prestixio no mundo da ópera, que se encargará de escoller os finalistas que pasarán á segunda e definitiva fase do concurso. Esta final celebrarase no Auditorio o domingo 4 de decembro a partir das 19.00 h., tamén aberta ao público xeral e que determinará os tres galardóns polos que se compite neste concurso